Thursday 25 de April de 2024

A Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas aproba por unanimidade o informe favorable sobe o regulamento de desenvolvemento da Lei destes eventos


― O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a reunión na que se consensuou o texto final polos grupos de traballo nos que están representados os sectores afectados

― O regulamento para desenvolver esta Lei conta tamén con informe favorable da FEGAMP e continúa a súa tramitación para a súa aprobación polo Consello da Xunta

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a reunión da Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas, na que se aprobou por unanimidade o informe favorable sobre o regulamento de desenvolvemento da Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Tamén asistiu a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

O texto final foi consensuado polos grupos de traballo de espectáculos públicos e de actividades recreativas creados no marco da comisión e que contan con representación dos sectores afectados. Ademais, conta tamén con informe favorable da FEGAMP, polo que só precisa o informe da Asesoría Xurídica e do Consello Consultivo de Galicia para a súa aprobación por parte do Consello da Xunta.
O decreto desenvolverá a lei en aspectos relacionados coa regulación das instalacións portátiles e desmontables, as atraccións itinerantes de feira, os seguro, as festas e verbenas populares, o dereito de admisión, a asistencia sanitaria a información e a publicación e o novo rexistro de empresas e establecementos vinculados a estes sectores.

Con este regulamento rematase o desenvolvemento da norma, que se iniciou en agosto de 2018 coa creación desta comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia con presenza das asociacións máis representativas dos sectores dos espectáculos públicos, verbenas, ocio, hostalería, así como de asociacións da veciñanza e das persoas consumidoras e usuarias.

Nesta liña, en setembro de 2019 aprobouse o Catálogo de Espectáculos Públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público, que adapta e actualiza as tipoloxías do catálogo anterior de 2004 ás necesidades reais actuais e ás novas formas de ocio. Do mesmo xeito, publicouse en outubro do ano pasado a orde pola que se determina o horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas na comunidade galega, adecuándose precisamente ao decreto do novo Catálogo de espectáculos públicos.

Tamén o ano pasado se aprobou o decreto que regula o procedemento para autorizar a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas que se leven a cabo en máis dun termo municipal dando resposta a un baleiro normativo para os eventos baixo estas denominacións que están a aumentar nos últimos anos.

Ademais, o pasado marzo o Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto que regulará a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e a actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público nos que se celebren, sempre que dispoñan do servizo de control de acceso, co obxectivo de dotar dunha regulación máis práctica e adaptada á realidade e á normativa actual respecto ao actual decreto, que data de 2010.